Friday 19 de April de 2024

Trenor supervisa o avance das obras de mellora de firme na estrada AC-114 entre O Val e Baltar no concello de Narón


Tras a execución dos traballos, a estrada será transferida á Administración local

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá o avance das obras de mellora de firme na estrada AC-114, entre os núcleos do Val e Baltar, en Narón. Trenor destacou a gran axilidade e rapidez coa que se están executando porque nestes momentos falta a sinalización e o pintado.
O delegado da Xunta destacou que “unha vez realizadas estas obras, tramitarase o cambio de titularidade da estrada a prol do Concello de Narón”.
Estes traballos foron adxudicados á empresa Arias Infraestruturas S.A. por un importe de máis de 48.000 euros.
A intervención levarase a cabo en toda a lonxitude da estrada AC-114, desde o punto quilométrico 0 ata o 0+630, co obxectivo de acondicionar esta vía que dá acceso ao convento de Baltar.
As actuacións centraranse no estendido dunha capa de rodadura, na execución de cuñas de transición nos accesos a vivendas e na reposición das marcas viarias de bordo de calzada e da sinalización horizontal.
A Xunta continúa traballando na conservación e mantemento das estradas autonómicas coa fin de incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade dos cidadáns.